In Memoriam

29/10/2023 34º Aniversario de José Castiñeira Pardo

Pasado mañá, cúmprense 34 anos desde o pasamento do creador da Agrupación de amigos cantores que arroupan esta celebración, que levamos o nome de Orfeón Lucense, coro oficial desta S.I.C.B., ao que acompaña o organista da catedral, Xavier de Acosta.

Adóitase conmemorar de xeito especial as efemérides con cifras rotundas: os vinte, os trinta… pero o Orfeón, tendo presente o espíritu, a forza, o legado, e mesmo a presencia do noso Mestre, acordou lembralo ano a ano - e cúmprense 34 -, non só para doernos pola perda senón tamén para glorialo e gloriarnos polo ben que nos fixo ao facernos nacer, polo seu traballo na Igrexa e na música, e pola lembranza garimosa que deixou en todos os que o coñecemos e queremos.

Antes houbera un histórico Orfeón Lucense creado polo xenial Xoán Montes, que sólo era un recordo. E o noso -e voso – Don José quixo volvelo á vida dando ese nombre ao conxunto de voces cantoras dos varios grupos que dirixía. E nacemos de novo, renacemos, hai 41 anos.

E a estas alturas dun novo século, sentimos que seguimos sendo os mesmos, aínda que lóxicamente poucos quedamos daquel tempo xa  lonxano; que seguimos tendo o mesmo ánimo que el nos insuflou, o mesmo amor á música, a mesma devoción polo canto… Que amamos as mesmas cousas, os mesmos lugares (especialmente esta gran casa, a primeira igrexa da diócese), que a mesma música nos da a mesma vida; que do mesmo xeito que somos fillos duns pais que nos fixeron nacer, todos nós – mesmo os que acaban de incorporarse nos últimos tempos -somos fillos musicais, espirituais, daquel crego tan humano, tan moderno, ue os rapaces de hai medio século buscabamos polos confesionarios para confiarlle as nosas angueiras.

Por iso estamos aquí, e estaremos todos os anos se Deus o quere, para cantar na súa lembranza e proclamar ata onde chegue a nosa voz que o noso Pai musical está máis vivo ca nunca na súa música, nas nosas partituras, nas nosas voces, no noso ánimo.

E cando a misa remate, iremos con todos os presentes que queirades acompañarnos ao Claustro da Catedral onde está enterrado para deixarlle  unhas flores e outra canción, e tamén deixarlle flores ao seu irmán Don Manuel, que tanto nos ten comprendido e axudado nesta Catedral.

Se lembrando a D. José as grazas permanentes van implícitas, o Orfeón da as grazas máis expresivas á familia Castiñeira –  Luis, sobriño, oficiante; súa irmá, seu cuñado… - que o P. Castiñeira fixo que sexan tamén da nosa familia, e sempre están connosco.

E xa que o tempo do alén é a “mellor vida”, felicidades, José Castiñeira, polos 34 anos desa vida mellor.

Nota El Progreso 26/11/2023

 

29/09/2023 Adeus a Manuel Gulín Rodríguez

O Orfeón Lucense quere facer constar a súa dor polo pasamento de Manuel Gulín Rodríguez, membro deste colectivo, testemuñando á súa familia, e de xeito especial a Josefa Bejarano, a súa viuva e tamén compañeira no Orfeón, as nosas condolencias y a nosa amizado imperecedeira.

Que o recordo de Manolo Gulín siga animando o noso canto, como o facía a súa presencia activa, a súa entrega e o seu entusiasmo.

Descargar nota El Progreso (JPG)

Nota posterior El Progreso (JPG)

 

24/04/2021 Miguel Soto Camacho

Manoli encargoume que, no nome da familia, vos dese as grazas a todos os presentes pola participación nesta celebración en memoria de Miguel, o noso amigo, e eso fago facendo extensivo este agradecemento especial á igrexa da Milagrosa e a José Antonio, o noso párroco, por acollernos neste momento tan especial para a familia e os amigos.

E quero ter unha lembranza especial e garimosa para Miguel, músico e devoto da música, que nos ten acompañado en tantas incursións musicais aportando o seu entusiasmo, a súa presenza e o seu coñecemento.

Porque teño que lembrar primeiro a Miguel cando, hai arredor de medio século, participaba nos festivais de Nadal que nesta parroquia se celebraban para recadar fondos e atender necesidades. Aí coñecimos e atopamos o primeiro Miguel, e co paso dos anos reencontrámonos con el e con Manoli, ela con destacada afección e potencia cantora, el co coñecemento e o entusiasmo.

Por iso, estas voces amigas que hoxe soan nesta igrexa quixeron lembrar a Miguel e arroupar a Manoli e a súa familia, porque cremos firmemente que nos tempos difíciles coma os que vivimos (dixo o poeta: "nos queda la palabra") a palabra feita canción é moito máis ca un bálsamo; é unha oración, é unha man tendida, é unha aperta…

Reitero as grazas da familia pola vosa presencia, e quero rematar lembrando ao Miguel músico e amigo.

Micky, o veterano cantante, hai xa moito tempo que nos fixo pensar e sentir coa súa canción “El chico de la armónica”, cando cantaba. “Escucho / al muchacho tocar / esa triste canción / con su armónica de amor”.

Para nós, os seus amigos, Miguel sempre será o rapaz da harmónica, que tocaba cancións fermosas, nunca tristes, entrañables, que chegaban aos oídos, e deles ao corazón. Miguel, como dicía Micky, coa súa “armónica de amor” axudou a sermos un chisco máis felices… E hoxe, que lembramos que hai xa un ano que nos falta, tiñamos que dicilo aquí.

Grazas a todos, e ata sempre a Miguel coas oracións e, naturalmente, coas canción dos seus amigos.

 

26/04/2019 D. Manuel Castiñeira. (S.I.C.B. Lugo)

As voces que soaron desde o Coro nesta cerimonia da despedida terreal de Manuel Castiñeira Pardo, son as dun grupo de amigos da Familia Castiñeira que nos chamamos ORFEÓN LUCENSE, o coro desta Catedral, hoxe diminuido en número por tratarse de hora e día laborables.

Os do Orfeón Lucense sabémonos membros da Familia Castiñeira, desde que o lembrado Don José nos ensinou a camiñar polos vieiros da música hai case corenta anos e nos deu fogar nesta Santa Catedral Basílica, casa de todas as xentes de fe, á que tamén aprendimos a estimar como o lugar perfecto para rezar a xeito de canción, e onde tantas veces temos cantado sabendo que a súa man segue a dirixir os nosos pasos musicais.

E sabendo en vida de Don José que no seu irmán Manuel tiñamos un amigo, un irmán, cando el faltou foi cando notamos aínda máis de preto a compaña, o alento, a compresión e o sorriso deste seu irmán, coma el crego, coma el entregado, coma el atento con todos os que entran neste templo, e de xeito especial cos que vimos a rezar, independentemente da fórmula que empreguemos.

O noso amigo e irmán Manuel, era a conciencia viva da lembranza de José; o anxo custodio do Orfeón Lucense -obra do seu irmán-, e cada vez que soaban as nosas voces nesta catedral, alí estaba el, no lugar máis humilde, no menos visible, sen facerse notar, pero estando sempre, inspirando sempre, sorrindo sempre.

O próximo 31 de outubro cumpriranse trinta anos do pasamento de José Castiñeira. Pois durante esas tres décadas Manuel Castiñeira foi a conexión máis directa coas nosas raíces, co espíritu que nos anima, co noso pai musical.

E doéndonos da súa marcha, do oco fondo que deixa na nosa ánima colectiva, temos que agradecerlles aos dous Castiñeiras que están no alén que nos deixen a firmísima conexión con esta nosa familia e o seu espíritu a través de Luis Varela Castiñeira, coma eles crego, coma eles músico, coma eles amigo-irmán do Orfeón.

Manuel Castiñeira viviu case sesenta anos na Catedral; para a Catedral… Para moitos, Castiñeira era a Catedral, e seguiremos véndoo, sentíndoo, dentro dos seus muros. E se San Pedro é o custodio das chaves do ceo, despedimos hoxe ao noso Pedro custodio da Catedral, Manuel  Castiñeira, amigo e irmán!.

Foto: La Voz de Galicia

 

27/09/2012 Homenaje a Enrique Aguiar

"Familia e Amigos de Enrique Aguiar: O Orfeón Lucense ven de cantar e vai seguir cantando na honra de Enrique, un dos seus componentes máis veteranos, e un dos que participaba connosco con maior fervor.

Estou, estamos seguros, de que Enrique non tiña moi claro onde remataba a súa familia e onde comezaban os seus amigos. E nós tampouco, porque Enrique era da familia. No decurso dos anos, os componentes deste colectivo van entrando nél. E algúns vanse porque as circunstancias o esixen, e outros quedan toda a vida. Enrique era dos de toda a vida. Amaba o canto con todas as súas forzas. E amaba o Orfeón como só se quere á familia, e á propia vida.

Tenme contado que na súa longa vida de traballo viaxeiro, programábase para volver a Lugo a tempo dos ensaios do Orfeón. E onte a súa familia confiábame que ten cortado as vacacións, aplazado xuntanzas s familiares, para cumprir co que consideraba un deber: cantar no Orfeón.

Nesta súa enfermidade, ten asistido como espectador a diversos concertos, e todos llo agradecíamos porque sabíamos da súa devoción, e el sabía que contaba co agarimo de todos nós, gañado momento a momento en máis de tres décadas como compañeiro entusiasta.

E este Corpus, no que o Orfeón - como coro da Catedral- cantou nas solemnidades relixiosas, Enrique subíu as empinadas escaleiras do coro da catedral, e situándose xunto a nós, púxose a cantar. Non importaba que a súa voz non soase, impedida polas eivas da enfermidade: el era parte imprescindible do Orfeón, e cantaba con el.

E agora correspóndenos o difícil labor de despedir a Enrique, que deixará de estar físicamente connosco. Pero sabemos que sempre estará aquí... Dunha banda, porque a súa filla María José forma parte vital da nosa agrupación, co entusiasmo de seu pai. Pero de xeito especial, porque a xente como Enrique, entusiasta, alegre, compañeira, pode irse co corpo, que o corpo é feble e cansa, pero quédase coa alma, inmortal, viva sempre, que se reflicte en todos os actos da vida, e en Enrique era manifestación permanente de bonhomía, de participación, de ser e de estar, de trascender.

En ocasións coma esta, eu creo que o Orfeón canta mellor ca nunca, porque tamén lle sae da alma. E o que cantamos é para todos vós, pero especialmente para Enrique, que seguro nos acompaña no canto, no sentimento. A Enrique gustáballe especialmente que Marcos, o noso Director adxunto -o primeiro director, Xesús Mato vai oficiar esta misa- cantase a Ave María de Schubert. Porque hoxe cantamos para Enrique as súas cancións, as que deixou pedidas. Como o Sweet low que tamén soará. Hoxe cantamos con Enrique, para Enrique. Porque neso somos tremendamente ricos. Cada un dos componentes que se vai, déixanos marcados, co seu carácter, co seu entusiasmo, coa súa participación. Enriquécenos.

Enrique era do Orfeón; o Orfeón é de Enrique. Cando cantemos, canta Enrique Aguiar. E todos estamos convencidos de que, agora mesmo, cando aplaudamos, aplaudimos a Enrique, e el correspóndenos - coma sempre- co seu sonriso de home de ben, familiar, amistoso, de todos nós, noso. ¡Por Enrique Aguiar, compañeiro e amigo!."