No cabodano de D. José Castiñeira Pardo

No cabodano de D. José Castiñeira Pardo

Benquerido D. José Castiñeira Pardo: lembranza especial cando están a punto de cumprirse os 37 anos do seu pasamento. Se agora mesmo seguise físicamente entre nós, tería cumpridos 98 anos, pero no lugar do que agora disfruta seguro que non contan coma nós por anos terrenais.

Como estamos certos de que sabe o que entre nós, e arredor de nós, se organiza e vive, verá que aquí non teñen cambiado tanto as cousas.

Oficia a misa Luis Varela Castiñeira, o seu sobriño crego que asumiu a súa mensaxe, seguíu o seu camiño da Igrexa e da música, e como  vde. é músico de prestixio, coengo da Catedral, fiel seguidor do seu maxisterio.

Entre os fieles, membros da súa familia máis directa: Irmá, cuñado…e a lembranza de Manuel, seu irmán, que nos deixou hai xa seis anos.

Os que cantan son os membros do ORFEON LUCENSE, o seu Orfeón, o coro da Catedral no que aínda quedan membros que cantaron baixo a súa dirección, pero todos seguen – seguimos – as directrices que vostede nos deixou marcadas, e co talante, co espírito que vostede nos inculcou como parte esencial do noso Adn coral.

Diríxenos un músico mozo, vilalbés, Baruk Domínguez, que no tempo que leva connosco xa ten gañado o respecto e o agarimo de todos nós, pola palabra e o sorriso; pola música e a amizade.

Xuntámonos para lembrarnos de vostede, daquela seriedade sorrinte, daquela enerxía desbortante, naqueles dar a man que transmitían mundos de familia e de fe, de inquedanzas e seguridades. E cando esta misa remate, iremos ao claustro desta catedral, onde repousan os seus restos, deixar unhas flores e unhas cancións, e entregar o Premio José Castiñeira de Humanidades, que vai pola III edición, e que concebimos para premiar xente que se parecese a vostede. Dos que teñen algo que decir, que o din… pero sobre todo, que o fan en Beneficio dos demais.

Convocan o premio as tres institucións amigas súas, que formaron parte da súa vida: O Bispado de Lugo, a S.I.C.B., e o seu Orfeón Lucense.

E este ano premiamos a quen, se o sometésemos a votación pública, sería premiada por aclamación popular: Premiamos o ser e o estar dunha entidade como as FILLAS DA CARIDADE, e dentro dela SOR NIEVES, nonaxenaria a punto do cento de anos, entidade e persoa que dedican as súas vidas a coidar aos máis necesitados dentro dos que precisan axuda.

Como pode ver, seguimos igual: Xuntándonos cada ano na súa lembranza, rezando e cantando, e – xa que vostede foi para todos nós un ben de Deus, premiando cada ano a alguén que se lle parece.

Mandámoslle todos unha forte aperta, e un aplauso.

Palabras de Xulio Xiz no cabodano de D. José Castiñeira Pardo