Convocada a III edición do PREMIO “JOSÉ CASTIÑEIRA” de Humanidades
Lun, 09/28/2026 - 10:44
O ORFEÓN LUCENSE, en colaboración coa Diócese de Lugo, a Catedral lucense e a familia do seu fundador, José Castiñeira Pardo, convoca a III edición do PREMIO “JOSÉ CASTIÑEIRA” de Humanidades, para honrar a personas ou institucións que, pola súa traxectoria, disposición e entrega, se distingan no seu labor humanístico, nas artes ou nas letras, a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas, seguindo o exemplo de traballo e entrega do musicólogo, crego e profesor do que leva o nome.
O premio, sen dotación económica, consistirá nunha placa que deixe constancia do nomeamento, e será entregado nun acto público e solemne, no claustro da Catedral de Lugo, o último domingo do mes de outubro, inmediatamente despois da celebración relixiosa do cabodano do P. Castiñeira, e antes da ofrenda que tradicionalmente se celebrá na súa tumba.
O xurado que concederá o premio estará formado por representantes da entidade convocante, da familia Castiñeira, da S.I.C.B. e da Diocese de Lugo, podendo incorporar persoas de recoñecido prestixio da sociedade lucense e galega.
A este premio poden presentar propostas as asociacións culturais, entidades oficiais ou privadas, os particulares que o desexen, e os mesmos membros do xurado, con exposición razoada dos méritos de cada candidato/a proposto/a, ata o próximo 16 de outubro, enviándoas ao correo info@orfeonlucense.com, ou entregándoas persoalmente nas oficinas do Pazo bispal de Lugo.