D. Manuel Castiñeira. 26-04-2019. S.I.C.B. Lugo
Vie, 04/26/2019 - 12:20As voces que soaron desde o Coro nesta cerimonia da despedida terreal de Manuel Castiñeira Pardo, son as dun grupo de amigos da Familia Castiñeira que nos chamamos ORFEÓN LUCENSE, o coro desta Catedral, hoxe diminuido en número por tratarse de hora e día laborables.
Os do Orfeón Lucense sabémonos membros da Familia Castiñeira, desde que o lembrado Don José nos ensinou a camiñar polos vieiros da música hai case corenta anos e nos deu fogar nesta Santa Catedral Basílica, casa de todas as xentes de fe, á que tamén aprendimos a estimar como o lugar perfecto para rezar a xeito de canción, e onde tantas veces temos cantado sabendo que a súa man segue a dirixir os nosos pasos musicais.
E sabendo en vida de Don José que no seu irmán Manuel tiñamos un amigo, un irmán, cando el faltou foi cando notamos aínda máis de preto a compaña, o alento, a compresión e o sorriso deste seu irmán, coma el crego, coma el entregado, coma el atento con todos os que entran neste templo, e de xeito especial cos que vimos a rezar, independentemente da fórmula que empreguemos.
O noso amigo e irmán Manuel, era a conciencia viva da lembranza de José; o anxo custodio do Orfeón Lucense -obra do seu irmán-, e cada vez que soaban as nosas voces nesta catedral, alí estaba el, no lugar máis humilde, no menos visible, sen facerse notar, pero estando sempre, inspirando sempre, sorrindo sempre.
O próximo 31 de outubro cumpriranse trinta anos do pasamento de José Castiñeira. Pois durante esas tres décadas Manuel Castiñeira foi a conexión máis directa coas nosas raíces, co espíritu que nos anima, co noso pai musical.
E doéndonos da súa marcha, do oco fondo que deixa na nosa ánima colectiva, temos que agradecerlles aos dous Castiñeiras que están no alén que nos deixen a firmísima conexión con esta nosa familia e o seu espíritu a través de Luis Varela Castiñeira, coma eles crego, coma eles músico, coma eles amigo-irmán do Orfeón.
Manuel Castiñeira viviu case sesenta anos na Catedral; para a Catedral… Para moitos, Castiñeira era a Catedral, e seguiremos véndoo, sentíndoo, dentro dos seus muros. E se San Pedro é o custodio das chaves do ceo, despedimos hoxe ao noso Pedro custodio da Catedral, Manuel Castiñeira, amigo e irmán!.
Foto: La Voz de Galicia