Os herdeiros de Castiñeira
Lun, 10/28/2024 - 10:21Intervención de Xulio Xiz na Misa do 35º cabodano do fundador do Orfeón Lucense (Catedral de Lugo, 27/10/2024)
Os herdeiros de Castiñeira estamos hoxe moi contentos. Celebrando o seu 35º cabodano, confesamos sentir unha especial ledicia. E aínda que poida ser supérfluo, cómpre indicar quen somos os herdeiros e o por que da ledicia en relación co patriarca amigo que se agora vivise tería 96 anos.
José Castiñeira, que nos deixou aos 61 anos, crego, musicólogo, compositor, director e profesor, deixounos herdeiros de amor e de saber a centos de persoas. Primeiros herdeiros del foron os membros da súa numerosa familia, especialmente os que con el conviviron máis directamente, que hoxe nos acompañan; un deles o oficiante e sucesor como mestre de música da catedral… herdeira a catedral lucense e todos os que nela ofician ou participamos, polo seu labor, actividade e exemplo. Herdeiros os centos de mozos e mozas que del recibiron formación e agarimo no Seminario, nas Xosefinas, en tantos lugares… herdeiros os amigos e os devotos; xentes que o paraban pola rúa ou o admiraban de lonxe… E herdeiros, por darnos vida musical e por facernos sentir a música que encaixa dentro destas pedras da fe, os membros todos do Orfeón Lucense, desde os de hai corenta anos ata os que veñen de incorporarse á nosa gran familia, por xuntarnos para cantar – rezar cantando; cantando disfrutar – dándonos o nome da histórica agrupación que Xoan Montes dirixiu, e imprimíndonos carácter como agrupación feita á súa medida; amadora da súa música; gardadora da súa memoria.
Os numerososa herdeiros de Castiñeira, estamos contentos por xuntarnos aquí no seu nome, unha vez ao ano, para lembrar ao noso Pai espiritual e musical. A nosa ledicia refórzase ao comprobar que somos quen de conservar a memoria de quen ben nos fixo, e mantemos vivo 35 anos despois o vìnculo que con el nos unía e poñémolo de manifesto nunha eucaristia, nuns cantos, nunhas flores, nunha visita ao lugar onde repousan os seus restos.
Pero o noso contento este ano ten un motivo especial… Demos en pensar que deberíamos convocar un Premio anual de Humanidades, de Humanidade, para premiar a persoas como Castiñeira, que fan mellor o mundo, por contribuir a mellorar a vida das persoas… E cada ano premiar a persoas ou institucións que, mirándoas, vemos a Castiñeira. Por iso estamos contentos… porque cando a misa remate, no claustro, imos entregar unha placa a Marisol Bravos, por toda unha vida de traballo, de superación… porque nela vemos a Don José Castiñeira. Vai resultar que estamos contentos porque logramos ver a Castiñeira naqueles dos seus herdeiros que se parecen el. Grazas, don José, pai e amigo.