Xulio Xiz, Fillo Adoptivo de Paradela "polo seu labor"
Lun, 03/18/2024 - 12:07O Concello de Paradela recoñecerá como Fillos Adoptivos do municipio ao biólogo Santiago Rodríguez López e ao escritor e xornalista Xulio Xiz. Este nomeamento, que ten a mesma consideración que o de Fillo Predilecto, pero quedando este reservado para os nados no municipio, entrégaselles "polo seu labor e a súa implicación e desenvolvemento na vida cultural do concello", tal e como indica a alcaldesa, Montserrat Mulet Sar.
Ao efecto, a rexedora paradelense nomeou o concelleiro José Manuel Mato Díaz instrutor de ambos expedientes, poñendo de manifesto o labor de ambas figuras. Rematado o procedemento, o instrutor propón que se efectúe o indicado recoñecemento e se lle comunique ao interesado para que acuda á sesión pública na que recibirá o diploma e insignia que o acreditan como Fillo Adoptivo.
No caso de Santiago Rodríguez López, fillo do escritor de Paradela José Manuel Oreste Rodríguez López e Irene López Gómez, do Páramo, indican que foi escollido "pola súa contribución á promoción do certame literario celebrado en memoria do poeta e autor galego Manuel Oreste Rodríguez López dende 1995, así como polo seu labor cultural".
Este biólogo e fillo de emigrante nado en Barcelona, é ademais profesor titular de Xenética na Bristol Medical School da Universidade de Bristol, entre outros moitos méritos, polos que o Concello cre que se trata dunha figura que debe recibir un recoñecemento "máis que merecido".
Pola súa parte, o xornalista e escritor vilalbés Xulio Xiz, fundador e colaborador en decenas de medios de comunicación, ademais de ser un dos principais promotores e difusores culturais da provincia de Lugo, foi escollido "polo seu vencello co concello de Paradela dende hai máis de trinta anos, colaborando activamente na organización e xestión nos actos do 200 aniversario, e coa súa inconmensurable entrega co certame literario Manuel Oreste Rodríguez López, tanto na organización do mesmo como na súa función seleccionando as obras, ao formar parte dos membros do xurado, conseguindo unha gran difusión".
A súa vinculación vén da súa amizade con persoeiros como Xesús Mato, crego e dinamizador cultural, fundador de Fuxan os Ventos e Auxilia, recentemente falecido. A partir deses primeiros contactos, comezan a xurdir novas relacións, como o propio Xulio reflectiu na súa "Parábola das cereixas".
Fuente: El Progreso