In Memoriam

27/09/2012 Homenaje a Enrique Aguiar

"Familia e Amigos de Enrique Aguiar: O Orfeón Lucense ven de cantar e vai seguir cantando na honra de Enrique, un dos seus componentes máis veteranos, e un dos que participaba connosco con maior fervor.

Estou, estamos seguros, de que Enrique non tiña moi claro onde remataba a súa familia e onde comezaban os seus amigos. E nós tampouco, porque Enrique era da familia. No decurso dos anos, os componentes deste colectivo van entrando nél. E algúns vanse porque as circunstancias o esixen, e outros quedan toda a vida. Enrique era dos de toda a vida. Amaba o canto con todas as súas forzas. E amaba o Orfeón como só se quere á familia, e á propia vida.

Tenme contado que na súa longa vida de traballo viaxeiro, programábase para volver a Lugo a tempo dos ensaios do Orfeón. E onte a súa familia confiábame que ten cortado as vacacións, aplazado xuntanzas s familiares, para cumprir co que consideraba un deber: cantar no Orfeón.

Nesta súa enfermidade, ten asistido como espectador a diversos concertos, e todos llo agradecíamos porque sabíamos da súa devoción, e el sabía que contaba co agarimo de todos nós, gañado momento a momento en máis de tres décadas como compañeiro entusiasta.

E este Corpus, no que o Orfeón - como coro da Catedral- cantou nas solemnidades relixiosas, Enrique subíu as empinadas escaleiras do coro da catedral, e situándose xunto a nós, púxose a cantar. Non importaba que a súa voz non soase, impedida polas eivas da enfermidade: el era parte imprescindible do Orfeón, e cantaba con el.

E agora correspóndenos o difícil labor de despedir a Enrique, que deixará de estar físicamente connosco. Pero sabemos que sempre estará aquí... Dunha banda, porque a súa filla María José forma parte vital da nosa agrupación, co entusiasmo de seu pai. Pero de xeito especial, porque a xente como Enrique, entusiasta, alegre, compañeira, pode irse co corpo, que o corpo é feble e cansa, pero quédase coa alma, inmortal, viva sempre, que se reflicte en todos os actos da vida, e en Enrique era manifestación permanente de bonhomía, de participación, de ser e de estar, de trascender.

En ocasións coma esta, eu creo que o Orfeón canta mellor ca nunca, porque tamén lle sae da alma. E o que cantamos é para todos vós, pero especialmente para Enrique, que seguro nos acompaña no canto, no sentimento. A Enrique gustáballe especialmente que Marcos, o noso Director adxunto -o primeiro director, Xesús Mato vai oficiar esta misa- cantase a Ave María de Schubert. Porque hoxe cantamos para Enrique as súas cancións, as que deixou pedidas. Como o Sweet low que tamén soará. Hoxe cantamos con Enrique, para Enrique. Porque neso somos tremendamente ricos. Cada un dos componentes que se vai, déixanos marcados, co seu carácter, co seu entusiasmo, coa súa participación. Enriquécenos.

Enrique era do Orfeón; o Orfeón é de Enrique. Cando cantemos, canta Enrique Aguiar. E todos estamos convencidos de que, agora mesmo, cando aplaudamos, aplaudimos a Enrique, e el correspóndenos - coma sempre- co seu sonriso de home de ben, familiar, amistoso, de todos nós, noso. ¡Por Enrique Aguiar, compañeiro e amigo!."