Presencia de Don José Castiñeira

Presencia de Don José Castiñeira

Palabras de Xulio Xiz en la misa celebrada en la Catedral de Lugo al cumplirse los 33 años de su fallecimiento (Catedral de Lugo, 30/10/2022)

Mañá, luns, fará 33 anos do pasamento de Don José Castiñeira Pardo, prefecto de música da Catedral de Lugo, compositor, director de agrupacións corais, profesor de música, destacado avivecedor cultural da capital lucense e unha magnífica persoa. Era un mozo de 61 anos que se nos foi moi cedo, pero deixounos na memoria e no corazón o amor pola música, que el tiña desbordante… e deixounos a nós como parte viva da agrupación que el creou fusionando varios coros que dirixía, dándonos o nome do coro que fundara Xoan Montes a finais do século XIX. Nominalmente, connosco, volvía á vida o histórico ORFEÓN LUCENSE.

Nunha celebración coma esta, lembrando ao noso fundador, temos que ter tamén na memoria ao seu irmán Don Manuel, que dedicou a súa vida como sacerdote, como persoa, ao culto neste templo catedralicio, e que foi para nós sempre un mentor, un exemplo, un amigo. E naturalmente ao resto da súa familia máis directa que sempre nos acompaña: súa irmá, seu cuñado, seu sobriño Luis - que oficia esta celebración, xunto co noso Director emérito Xesús Mato – que son para nós familia propia, non só por selo do noso fundador, senón tamén por ter sempre neles compañía, comprensión, ánimo, amizade…

A razón de iniciar este ano o que pretendemos sexa anual recordo, ben pode ser porque se cumpren 33 anos da morte física de Don José, esa cifra simbólica, que sempre tomamos como referencia ao referirnos aos anos de vida de Xesús de Nazaret,  e porque tamén este ano se cumpren os 40 de que Don José crease este Orfeón con todos os coros que dirixía.

Don José foi un exemplo de dedicación á Igrexa e á música, que el coido entendía como consustanciais, tendo a Igrexa, a fe, as persoas, a Deus como fin primeiro e último, e tendo a música como vieiro, como expresión, como universal idioma de paz para enterderse entre as persoas, e en base a ese entendemento como linguaxe única para trascender, para elevar os nosos actos e as nosas palabras e facelas chegar a quen mellor pode comprendernos; para mellor conectar coa Luz… Como dixo Don Ramón Cabanillas: “Irmáns! En pé, sereos, / a limpa frente erguida, / envoltos na brancura / da luz que cai de riba”. Don José irradiaba luz.

Castiñeira ensinounos o xeito de falar coa Luz. E por iso lembrámolo, agradecidos, 33 anos despois, con palabras, cancións, música e fe. E ímolo facer, tamén despois da misa, no claustro, con flores, e de novo música, e invitámosvos a que nos acompañedes para lembrar – coñecéradelo ou non – aquel home xeneroso, bo, sorriso franco, man firme apretando mans, que era todo corazón, todo bondade, todo amor e ¡todo música!.